Sunday 05 de May de 2024

Rey Varela celebra o Día da Once en Galicia poñendo en valor un “sistema de prestación social sen equivalencia en ningún outro país do mundo”


O conselleiro lembrou o “gran esforzo económico” realizado polo Goberno galego co incremento das partidas en materia de inclusión que crecen un 24,10% con respecto a 2015, acadando os 86,5 millóns de euros

O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, acompañado polo director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, participou no Consello Territorial da Once no que se celebrou o XXIII Día da ONCE en Galicia. No acto, que tivo lugar no Hotel Scala de Padrón, tamén se homenaxearon ás 21 persoas (14 homes e 7 mulleres) que se xubilaron no último ano tras varios anos de servizo á ONCE en Galicia.

O máximo responsable da Consellería de Política Social asegurou que a ONCE xa é unha referencia, “un sistema de prestación social para persoas con cegueira ou discapacidade visual severa sen equivalencia en ningún outro país do mundo”. Neste eido salientou que esta organización e mais a Xunta de Galicia comparten un espírito común, “a inclusión social e laboral das persoas con discapacidade”.

Ao fío do traballo en prol da inclusión, o conselleiro lembrou o “gran esforzo económico” realizado polo Goberno galego. Así, Rey Varela enumerou o incremento das partidas en materia de inclusión que crecen un 24,10% con respecto a 2015, acadando os 86,5 millóns de euros; que a cantidade inicial destinada á Renda de Inclusión de Galicia sobe en 5 millóns de euros ata acadar 52,7 millóns; e que a propia RISGA xa non conta con lista de agarda.

Para concluír, o titular de Política Social defendeu a diversidade da sociedade galega como “un espazo coral e heteroxéneo no que todas as persoas desempeñen a súa función social e laboral sen distinción de ningún tipo, achegando á sociedade a súa singularidade particular”.